Friday 10 de May de 2024

A superficie de terreo das explotacións lácteas en Galicia medrou nun 248% na última década


Rosa Quintana trasladou que o número de vacas por explotación medrou de media nun 55%, aumentando tamén a media de produción das explotacións nun 237% neste mesmo período

A superficie de terreo das explotacións lácteas en Galicia medrou nun 248% na última década. Así o adiantou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, na clausura da VI Xornada técnica do sector lácteo, celebrada en Mazaricos. Rosa Quintana trasladou que o número de vacas por explotación medrou de media nun 55%, aumentando tamén a media de produción das explotacións nun 237% nos últimos 10 anos. Así mesmo, tamén explicou que a produción de leite en Galicia medrou nun 23% neste mesmo período.

A conselleira reiterou que desde o 2009 a Xunta adoptou diversas medidas encamiñadas a mellorar a competitividade das explotacións, a súa capacidade financeira e a estrutura comercial do sector. Así, lembrou que o seu departamento impulsou a Lei de Mobilidade de Terras, a Lei de Montes e estase tramitando a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria. Esta última normativa, tomará forma no primeiro semestre do ano que entra, adiantou Rosa Quintana. Estas ferramentas “son fundamentais para que as explotacións gandeiras poidan ampliar a súa base territorial, reducir custes e dotarse de máis competitividade”, dixo.

A titular de Medio Rural e Mar tamén explicou que, de cara a mellorar a capacidade de liquidez das explotacións, dispuxéronse diversas liñas de axuda e priorizouse o pago das axudas da Política Agraria Común (PAC). No eido da comercialización, publicouse o decreto que regula as Organizacións de Produtores Lácteos para a negociación dos contratos e púxose en marcha a marca de calidade diferenciada “Galega 100%”.

A conselleira tamén fixo fincapé nos resultados acadados en relación coa negociación da PAC. Lembrou que nesta rolda negociadora priorizáronse os sectores gandeiros fronte ao resto, para os que se destinarán 490 millóns de euros a pagos acoplados neste ámbito produtivo en España, dos cales 321 millóns son para o vacún, o que amosa que o montante xeral das axudas ao sector víronse incrementadas nun 63% para o novo período da PAC.

O futuro do sector
Rosa Quintana lembrou que a Lei da Cadea Alimentaria, a Lei de Concentración de Oferta e Demanda e a posta en marcha do renovado paquete lácteo serán pezas clave no futuro do sector e mellorarán a estrutura produtiva, transformadora e comercial. Tamén recalcou a importancia do Grupo de Traballo da Cornixa Cantábrica –impulsado por Galicia e Cantabria- que servirá para poñer en marcha medidas de control que garantan o equilibrio e a transparencia dos diferentes elos da cadea do leite nas relacións contractuais.

Na súa intervención a responsable de Medio Rural afirmou que se está producindo unha profesionalización do sector que “debe continuar e mellorar de xeito que as nosas empresas sexan cada vez máis competitivas e rendibles”. Tamén fixo referenza ao impulso dunha única OPL co obxectivo de que os produtores se atopen na mellor posición negociadora ante os compradores para que estes poidan ser de longa duración e aporten unha maior estabilidade, reducindo os efectos da volatilidade. Neste sentido reiterou que os asinantes dos contratos teñen á súa disposición a ferramenta “Xacobea” -impulsada pola Consellería do Medio Rural e do Mar- para que se calculen os prezos segundo os indicadores do mercado.

Cara o final do seu relatorio, Rosa Quintana, apelou á unidade do sector e das administracións para “procurar obter un prezo o máis alto e estable posible e diminuír os custos de produción de cara a mellorar a rendibilidade”.